2/11/2003

Dereito de opinar

Estar en contra do terrorismo, ou absolutamente desconforme coa actitude do Partido Nacionalista Vasco respecto da xestión de Euskadi, non significa, nin moito menos, comungar co ‘varre-la rúa’ de Aznar ou co seu dedo índice sobre o atril cando lanza os retos do Goberno cara a quen se mova fóra do
respecto ás persoas e á convivencia. É, simplemente, pretender que a realidade, os feitos e as actitudes se valoren directamente, sen os someter ó coeficiente corrector de intereses, consignas ou, mesmo, ideais; é intentar que a morte, o lategazo que supón nun corpo o paso dun proxectil de chumbo, se entenda exactamente coma o que é, sen o converter en instrumento alleo, para configurar verbalmente unha situación da que non somos responsables.

A violencia e maila morte xeran un clima de medo, no que as persoas, os individuos, adoptan actitudes espontaneamente contemporizadoras, ou de fuxida, ou de adaptación dos propios criterios non ó razoable, senón á supervivencia, nunha situación excepcional. Os cidadáns empezan a coidar que coidan aquilo que lles afasta o cáliz da ameaza, todo o que desvía a mirada inquisidora cara a outros, quizabes non equivocados, mais si aliñados cabo de individuos ou partidos contrarios á liberdade dos pobos ou das ideas, cara a quen manifiesta que un morto é un morto, e que esa situación se alcanza por unha ferida terrible, na que non entran nin a autodeterminación, nin a opresión dunha sociedade amordazada, nin nada parecido. A supervivencia conduce ás mans lavadas, a se saber fóra dun e do outro bando, a ser simple espectador da man que aperta o gatillo e do corpo que cae ó pavimento para sempre.

É tal o grao de manipulación que alcanzamos, que xa mesmo a morte entrou no circuíto como algo natural. A proporción, a mesura, desapareceron, porque estes feitos, nos que interveñen persoas con conciencia absoluta de asasinas, acadan peso abondo como para marcar dinámicas colectivas, nas que se procuran algúns beneficios secundarios, sen importar xa o clima e o modelo de diálogo que se acepta. Saír a berrar á rúa en Euskadi, sexa o que sexa, non é o mesmo ca en calquera outro lugar onde non se coñeza o nome dun veciño, dun familiar ou dun amigo que caeu por non estar de acordo. Ninguén pode afirmar que unha manifestación, en prol ou en contra, conta exactamente cos elementos de limpeza que a convertan en indicador obxectivo de acordo ou desacordo, senón que sempre haberá unha Parabellum no pensamento dos que acoden e dos que quedan, ou un incendio, ou a imaxe dos actos vandálicos contra os seus bens ou os seus medios de vida.

Do outro lado da lei e da cordura, na parte onde os individuos xustifican a súa vida e a súa autoestima cun poder derivado da ausencia de escrúpulos e de sensibilidade, os cadáveres convértense en cuantificadores do éxito. Xa non importa que as persoas concretas representen ou non un obstáculo para acada-los obxectivos que se din defender, senón que pasan a ser meras mercadorías no saldo da coacción, cun balance exclusivamente de dor, que é o que está a funcionar como mordaza da palabra e da acción libres. Matar convértese en fonte de dominio; o crime, coma sempre, establece a capacidade de dobregar, e aí xa non importa o rendemento directo –e tamén miserable– que se poida obter pola eliminación dun inimigo, senón que a vida humana en si mesma se converte nunha especie de materia utilizable para se sentir tamén parte da historia dun pobo. O terrorista mata para se sentir a si mesmo, para comproba-la súa capacidade de intervención e de conmoción, coa que se considera conforme, sen atender en absoluto a establecer ningún esquema sólido de pensamento.

O xogo complétase, sen embargo, con outras achegas: os límites do xuízo saltan cando se equiparan magnitudes heteroxéneas, como son a filosofía política, o entendemento do poder outorgado polas institucións, coa rebeldía exercida a través de actos criminais. O presidente do Goberno español pode apoiar servilmente unha guerra difícil de aceptar desde o punto de vista moral, mais iso non significa que ningunha conciencia limpa teña dereito non a executar calquera cidadán como repulsa, senón a entender, cando se comete o asasinato, que houbo unha situación na que se pode interpretar como lóxico. Nesa circunstancia, a persoa e o seu cadáver convértense en simples fardos, en reses, en materia, e non só para o asasino, senón para tódolos que establecen un xuízo conxunto, sen reparar nos mecanismos de control que actúan en cada caso.

Para min, os gobernos que houbo no estado español desde 1982 foron, desde o punto de vista do crecemento e da maduración da sociedade, moi deficientes. Coido que moi raramente se preocuparon de lle fornecer unha cota de responsabilidade á masa social que gobernan, nin permitiron tampouco rachar coa conciencia infantil de reclamación de dereitos, na que basean as campañas, as súas accións e as súas transgresións; sen embargo, cando analizo os elementos de oposición, coas súas proclamas e os seus presuntos principios filosóficos, non me apetece comungar con rodas de muíño. Non quero cargarlle a un goberno ríxido e temoroso de ofrece-la verdade o feito de que un suxeito saia unha mañá disposto a acabar coa vida de ninguén; non quero xustificar co teatro que se monta cada vez que hai un crime o propio crime, nin moito menos abandonarme á consideración de que nin os uns nin os outros teñen que ver comigo. Négome a acepta-lo chalaneo fúnebre, o sangue como pretexto, a idea de que non chegou aínda a min, e podo, xa que logo, permitirme o luxo de xulgar sen senti-la bala no meu propio corpo, e desde esa postura esixo que se xulgue cada asunto no seu lugar, que se valore, que se aprobe ou se condene sen apelar a circunstancias complementarias que para nada afectan a natureza dos feitos. Se un mata, outro rouba e outro engana, o primeiro é un asasino; o segundo, un ladrón, e o terceiro, un embusteiro, independentemente de que completen o círculo entre eles.

Repúgnanme os métodos do terrorismo, e máis aínda cando se asocian con todo o descaro a ideais de liberdade fraudulentos; dáme noxo a manipulación informativa e o feito de cubrir cun problema o conxunto dunha xestión de goberno, e paréceme indignante que alguén colla abeiro na barreira para repartir culpas e recoller réditos, cifrando tódolos obstáculos e torpezas no exterior. Nin a xestión de Euskadi ocupa un lugar insignificante ante as reivindicacións soberanistas, nin a consecución da soberanía pasa por que outros entendan a división territorial dun xeito distinto. Se se confunde todo, nin a xestión existe, nin a soberanía ten sentido para ninguén, nin os asasinos deixan de matar. É un problema de análise honrada, na que cada tema precisa a súa solución, sen inventar escusas.

Carlos Arias
33.840.384-R

2/06/2003

O cálculo no xadrez

O ánimo co que adoita afrontar unha partida o xogador de xadrez, especialmente se a súa forza é discreta, está asociado a un desexo de coñecer cada movemento desde antes de comezar. O soño é que non haxa sorpresas, que se xogue a partida prevista e que, na análise final, poida demostrar que todo fora controlado desde un principio, de xeito que nada do que a outra persoa leva dentro –agás o recoñecemento de inferioridade– entre a formar parte do acervo do xogador ou da xogadora. É un afán de aniquilación, de esgota-lo diálogo lúdico antes de que se inicie, antes de que haxa un auténtico intercambio, de resultado incerto.

Este desexo –no que, caso de se consumar, o primeiro que desaparecería sería o pracer– encobre un medo profundo a que suceda exactamente o contrario: que o coñecemento alleo impida a diversión propia; que a capacidade da persoa que vai aparecer en fronte deixe sen sentido calquera esforzo por entrar no combate intelectual, ou, mellor, no entendemento da partida. O xadrecista, mentres quere pensar que a súa meta é a victoria da forma máis segura posible, agocha dentro de si un sentimento de impotencia ante o descoñecido, ante a partida que aínda non se creou, e na que vai depositar, como parte da súa contribución, os temores e os devezos que, por un mecanismo non consciente, uniu ó seu sistema de configura-lo pensamento ante o reto que, para el, constitúe o xadrez.

Non deixa de ser interesante comprobar que, por un punto nun campionato de transcendencia moi limitada, pola idea de que algo lle poida ser arrebatado, o xadrecista sacrifica con moitísima frecuencia o sentido lúdico de algo que, se non o apaixona, si que, polo menos, lle causa algún tipo de fascinación. A ansia transfórmase nun desexo de que todo conclúa, de que haxa, nun momento dado, un cálculo ó que asirse para saír con aire da partida, antes de que sexa o contrario o que descubra o camiño, posto que soamente un pode acada-lo obxectivo de se presentar ante si mismo como vencedor. O xadrecista manexa as súas pezas non cara a unha comprensión, senón cara a unha porta de saída, que o leve lonxe do fracaso que se move nos límites desmesurados onde non chega a súa modesta capacidade de cálculo.

O problema consiste en ter que persegui-la cenoria da vaidade para atopa-lo pracer lúdico. O afán por descubrir algo, por se atopar co inesperado, por ver, sobre todo, cómo o entendemento de ámbolos antagonistas produce harmonía queda sepultado por unha cifra plasmada nunha clasificación que, sexa a que sexa, tampouco ten maior transcendencia. O xadrecista, máis ca en experimenta-la calidade do seu xogo, procura contrastala, traducila en valores, que nunca representan nin a súa ilusión ante o inesperado, nin tampouco o que marchou, arrastrado por un afán innecesario. A comparación, a imaxe externa, superpóñense ó interior, ó rapaz entusiasmado que se inclina por ese xogo. A mirada posta na mirada allea leva as pezas do taboleiro a un sistema de espellos no que é moi difícil atopa-lo camiño axeitado. O medo imponse e desaparece a beleza.

A vida constrúese da interacción cos máis, co medio, con todo. Os nosos pais deprendéronnos, como llo deprenderon a eles, que debemos obter un resultado concreto de cada un dos nosos actos, e aló nos botamos. Por lograrmos un lugar confortable, controlado, no futuro, cedémo-lo noso amor polo presente, do mesmo xeito que para nos ocultarmos ante nós mesmos un pasado que vemos como imperfecto. Perseguímo-lo cálculo, e o cálculo escapounos. É ese o destino que construímos, sempre na procura da nada.

Carlos Arias
33.840.384-R

Imaxe: Óleo de Irene Cerrón

1/30/2003

Sentir

Onte, 30 de xaneiro, morreu unha persoa ante o portal da miña casa. Eran pouco máis das 7:30 da mañá cando un operario municipal atravesaba un paso de peóns, ó tempo que un vehículo ignoraba a indicación luminosa que o obrigaba a parar. Era zona urbana; había dous semáforos seguidos, mais o conductor continuou adiante e arrastrou uns vinte metros a persoa que se incorporaba ó seu traballo, no amencer do inverno. O imposible volvera suceder; nada regresaba ó seu sitio. A luz viña pouco a pouco ós rostros consternados da vintena de compañeiros que observaban en silencio a desaparición de quen debía estar entre eles, co seu cansazo, o seu mal e o seu bo humor, o seu xeito de ser, que xa marchara.

Vin o corpo, rodeado por un equipo sanitario, cando fun baixa-lo lixo. Todos estabamos horrorizados, sen palabras, sen nada concreto que nos permitise unha elipse de tempo para non incorporarmos ás nosas lembranzas a imaxe dun home esnaquizado que xace sobre o grixo frío dunha zona en obras. Ata a indignación era escasa, porque todos esperabamos que alguén fixese un aceno coa man para que retirasen o corpo cunha mascara de osíxeno sobre a cara, para que o subisen á ambulancia e saíse a toda velocidade coas luces de emerxencia acendidas. Todos queriamos ese pequeno final de esperanza; saber que se fora da nosa vista cun fío de vida ó que se agarrar, no canto desa morte pesada que caera coma un papel secante na mancha de sons dunha vila que comeza a xornada.

Pensei na estupidez de tódolos que ignoran os límites de velocidade, na necesidade de acabar dunha vez por todas con quen xoga a levar máis dunha tonelada de metal coma se a súa razón de ser na vida fose a de ameaza-los semellantes. Pensei en tódolos imbéciles que soben a un automóvil para se atoparen cun poder que lles faga esquece-la súa nula autoestima, o seu sentimento de que non merecen un lugar, nin teñen recursos para o conseguir, nin ninguén llo vai dar. Pensei na cantidade de veces que me indigno co ruído do tráfico desordenado, cos atascos que se producen porque ninguén respecta a súa vez de incorporación á calzada, nos infinitos anuncios que invitan a unha transgresión tan asasina coma suicida, nos recursos de venda que nos invitan a desprezar canto nos rodea mesmo á hora de comermos un iogur. Pensei en todo iso, e decateime de que o morto non era eu, de que me estaba a trabucar, porque nada da miña carraxe tiña que ver co feito concreto que estaba a presenciar.

Veume á mente unha persoa que chegaba tarde, que tiña un compromiso coma nunca o tivera antes, que volvía canso despois de pasar unha noite extenuante en calquera ocupación, e vinme a min mesmo no meu propio coche. Non morreran os meus enfados; non marcharan os meus persoais motivos de indignación, senón que fixeran un oco nun lugar aínda deshabitado para a configuración das circunstancias. A persoa que sufrira o accidente servíame para descargar uns pesos que só a min me pertencían, e estaba a facelo, como tantas outras veces o fixera. Non estaba a senti-lo que vía, senón o que vira, coma se as escenas do pasado tivesen un dereito especial para se antepoñeren a algo tan tráxico coma o accidente que se acababa de producir.

Aínda agora me pregunto por qué esa substitución, por qué mesmo tomaron forma nomes e rostros concretos, que actuaran de forma temeraria, si, mais non nese preciso momento. Supoño que a dinámica na que nos movemos, en tódalas ordes, crea tensións e riscos, que hai unha marxe de fatalidade imprescindible que debemos asumir, mais tamén supoño que é posible observar medidas de carácter individual e xeral que estean por encima desa indignación conxuntural, na que a todos nos veñen de seguida medidas drásticas que non nos afectan.

Tiven présa, estiven cansado, considerei que unha recta nunha zona urbana entraña pouco perigo, e nunca me pasou ren; sen embargo, contribuín a unha idea de que o risco de accidente, de causar dano, é desprezable ante o meu persoal criterio, que se conforma co dos meus semellantes, ante a idea de que non vai haber contratempos insalvables, de que o feito de non albisca-lo desastre como posibilidade crea unha especie de salvoconducto, unha estraña garantía de que podemos seguir adiante, inalcanzables para a fatalidade. O límite está entre o voluntario e o involuntario, na liña que tracei e que trazamos arbitrariamente para xustificarmos actos que non por repetidos son máis lóxicos ou máis naturais. Utilizarmos apelativos contra terceiros, ou centrar unha forma de se sentir mellor cun mesmo sobre as costas de quen acaba de ocasionar unha desgracia serve de ben pouco, o mesmo ca un acto de contrición profundo e estéril, que esqueza que a vida é algo moito máis complexo, que non se pode estar avaliando puntualmente en cada momento.

Onte houbo unha xustificación para o meu enfado, mentres un par de decenas de traballadores con funda azul enchían de silencio e de tristeza a rúa, diante da miña casa. Ese era o lugar e a lección, e unha persoa que morrera. Máis nada. Nada que tape a emoción pura e a converta nun exercicio de fuxida.

Soamente sentir pode axudarnos.

Carlos Arias
33.840.384-R

Imaxe: Pomba da Paz, de PIcasso

1/28/2003

Na fronteira

Cando todo nos conduce a un punto concreto, cremos ser máis libres e máis responsables por facermos e dicírmo-lo que nos parece conveniente, o que nos vén premendo non desde anos ou décadas, senón a través de xeracións e xeracións, sen que sexamos quen de o liberar. O tempo e mailas circunstancias colócannos, en lapsos regulados pola presión inconsciente, unha especie de cloacas nas que o exceso de carga desaparece polo subterráneo, sen que toque para nada a estructura superficial, a permanente, a que, malia o incómoda que nos resulta, se mantén como expoñente fundamental do transcurso das nosas vidas. Cando aparece un Prestige, ou unhas vacas tolas, ou calquera clase de convulsión, aínda que creamos estar a defini-lo límite entre o tolerable e o intolerable, entre o que estamos dispostos a vivir e o que non, vémonos, na realidade, tapando todo aquilo que non nos gusta con algo que aparece e desaparece –deixando pegada, iso si– sen máis razón, desde o punto de vista da estructura viciada que soportamos, cá de preserva-las taras cotiás.

É evidente que, sen o medo a nos vermos ante un panorama novo, podemos desartellar un sistema no que estamos a nos facer trampas a nós mesmos. Non importa que agora nos indignemos e reclamemos que non suceda –non no futuro, senón no pasado– unha catástrofe ecolóxica coma a que estamos vivindo se non somos quen de entendermos que na infame xestión que se realizou súmanse tódolos pequenos e grandes erros que seguen adiante, porque, por paradoxal que pareza, o Prestige tapounos coa carga de fuel, coma a tinta da lura que mantén entretido o cazador. Transiximos con demasiadas cousas; afixémonos a un medio tóxico, desde o punto de vista do noso desenvolvemento como sociedade humana, e chegamos a un dos sucesivos puntos nos que podemos manifestar descontento sen medo a que se produza unha conmoción ou un cataclismo que limpe de verdade a democracia que asumimos.

Cómpre ir alén dos detalles, levar máis adiante toda a enerxía que se está a despregar en contra dun suceso xa irreversible, mesmo no que atinxe a unha estructura organizativa lamentable ante o accidente. Podemos empezar a ver non só se queremos que un partido ou outro ocupen as responsabilidades do Goberno, senón qué lles esiximos ós nosos elixidos, qué lles pedimos, tanto se conseguen o seu obxectivo coma se deben conformarse co labor importantísimo do control, no que se inclúe a posibilidade de reclamar medidas concretas e realizar unha crítica honesta da actividade gobernativa; podemos empezar tamén por observarmos se ó noso redor ou nós mesmos somos consecuentes co que desexamos dos nosos gobernantes, se somos conscientes da importancia que o desempeño responsable do noso traballo ten para acadarmos unha sociedade xusta, o mesmo cá observancia das regras fundamentais que aceptamos como punto de partida para a convivencia.

Supoño que a meirande parte dos cidadáns saberán, ó dexergaren a grella fumegante dunha hamburguesería, que se están a producir unhas substancias nocivas para o organismo, que se distribúen entre a clientela sen maior reparo. Que o encargado, o dono do local ou o propio consumidor o fagan ver –no canto de o dar por natural, posto que é a práctica común– significa un alivio no fígado de moitísimas persoas ou, o que é o mesmo, unha calidade de vida un pouco mellor na contorna. O exemplo parece intranscendente, mais non o é, se reparamos na estructura de círculos concéntricos na que nos movemos: aceptarmos iso significa trasladarse ó chanzo seguinte, permitir que a agresión avance un chisco máis, ata chegar ó cumio da pirámide, onde se instalan individuos que se educaron nese medio, nesas condicións nas que a resposta ante o traballo persoal carece por completo de compromiso. Terán visto constructores que escatiman materiais por unhas moedas insignificantes, funcionarios que practican o absentismo como unha fórmula de tomaren a liberdade, médicos que receitan de consonte as ganas que poidan ter de liscar da consulta, ou avogados que tiran preitos que lles dan dores de cabeza a cambio dunha elevación de prestixio insubstancial, por non falarmos de xuíces que dictan sentencia en procesos nos que nin se molestan en determinar de qué vai a cousa.

Hai demasiados asuntos que, agora mesmo, están a producir danos de maior envergadura, en tódalas ordes, có Prestige, asuntos que, individualmente, nos producen un rexeitamento similar, se non maior, mais que imos aceptando soamente porque se instalan na tradición, porque labraron un oco inmune dentro da sensibilidade, anque signifiquen perdas e tensións xordas de notable envergadura. Son cuestións nas que, amais, entramos continuamente, que sinalamos co dedo, mais sen nos atrevermos a facelo dun xeito claro e eficaz.

A catástrofe do Prestige déuno-la enésima oportunidade de vermos non soamente qué fallou, senón en qué fallamos. Agora, á parte dun goberno novo, podemos reclamar, simplemente con deixarmos ir a nosa forza ata o límite natural, unha nova forma de gobernar e de sermos gobernados, unha relación responsable entre cidadáns e autoridades, esquecéndomos dunha vez do vello esquema feudal, no que o señor lles dá ós subditos o que estima conveniente, sen que estes teñan a menor opción de faceren valer as súas opinións ou os seus dereitos. É triste dicilo, mais enganáronnos e enganámonos: chegamos á conclusión de que a nosa responsabilidade se cumpre con depositar un voto cada certo tempo, sen nos decatarmos de que podemos exerce-la liberdade cada día, de que nos cabe elixir continuamente entre o que queremos e o que non, e sabermos a qué conduce cada resposta.

Case en cada minuto, as mensaxes que recibimos soan a que se nos vai dar algo no que non temos parte. Non hai ni partidos políticos nin grandes empresas que nos concedan un papel activo, que nos ofrezan con sinceridade un lugar para facer algo polo que queremos. Uns e outras funcionan do mesmo xeito: teñen un filón para explotar no activo económico que representa o colectivo humano; venden ideas, productos ou o que sexa, mais sempre a un público sentado ordenadamente nas butacas do teatro. Falla a educación e a pelexa está en quén nola vai dar mellor, non en facer un diagnóstico claro, que fale da claudicación das familias e da irresponsabilidad dos profesores como causa de que quen asume o seu compromiso ante os alumnos ou os fillos vexa multiplicado por mil o traballo. A sanidade non funciona e, outra vez, a mensaxe é que agardemos, parados coma estatuas, a fórmula maxistral que palíe as nosas doenzas; os adolescentes refúxianse no alcohol ou en alucinóxenos e o único que conseguimos é que nos deámo-la razón respecto do moito que estorban ou, no mellor dos casos, no dano que se fan a si mesmos ó non recurreren a alternativas que nin lles damos, nin ó mercado que moven lle interesa dar.

Estamos permanentemente ante a oportunidade de facermos limpeza, de recollérmo-lo lixo que carrexamos e desfacernos del dunha vez. Agora, nun momento no que xa comezou o movemento, podemos perfectamente aproveita-la inercia e irmos deica o fondo, comprobarmos qué é o que nos convence e qué lle adxudicamos ó capítulo dos logros ególatras de cada personaxe que asoma para reclama-la nosa atención. É o momento de dicir si ou non, de se expresar claramente, porque non é que se equivocasen uns cantos, senón que se trata dos gobernos que eliximos, que son nós mesmos, que se instalan na nosa forza. É o momento de asumirmos que nin ós cidadáns, nin ós políticos, nin ás multinacionais lles é posible sobrevivir a un mundo que avanza con custos tan grandes de enerxía; é o momento de saber que o mesmo feito de esixirmos lle permite a cada partido axusta-la dinámica a unha sociedade de verdade mellor, e tamén de calcular cál é o beneficio real que tiramos os elementos anónimos cando miramos cara a outro lado.

Non entendo por qué non imos da-lo paso que nos leve á outra banda da fronteira, xa que comezamos e sae polo mesmo prezo.

Carlos Arias
33.840.384-R

Imaxe: Camille Pissarro, Paisaxe de Chaponval

1/23/2003

Necesidade e compromiso

Tódalas persoas precisamos sentirnos dentro dun mundo que nos acolla, participar no movemento común, prestármo-la nosa enerxía para algo no que nos sintamos representados. É unha necesidade básica, que responde ó feito de que, para nos sentirmos vivos, necesitamos que nos vexan como vivos, nun crebabezas que, desde o noso punto de vista, sería imposible completar se faltasemos. Temos medo de sermos prescindibles, polo que apertámo-lo toco común coma se esa entrega fose unha relación simbiótica, na que o todo se sostén porque as partes precisan sostelo.

A necesidade, sen embargo, disfraza o compromiso auténtico, convérteo nun instrumento de garantías, nun elemento de control para que as forzas de cada un manteñan ou incrementen o seu vizo co paso do tempo, en contra da lóxica dos acontecementos. O compromiso que xera dor, que devolve o rostro amargo dos inconvenientes, que se adentra nunha realidade complexa, renxe ante as promesas e as ilusións de que o Paraíso está á volta da esquina, con tal de se entregar, imbuídos dunha fe literalmente cega, a unha causa que se nos prohíbe ver na totalidade dos seus aspectos.

A orde que aceptamos require a anulación das persoas. Por unha parte, reclama que se ofrezan enteiras para conseguir algo, mais, por outra, nega a posibilidade de entrega-lo criterio e a vontade individuais como medios de transformación, como elementos de construcción do propio obxectivo común. Trátase de aceptar ou rexeitar un todo, unha serie de máximas nas que, desde unha perspectiva puramente verbal, se inclúen as aspiracións permitidas, aquelas das que non cabe dubidar, nin da intención de quen as promove, porque, dun xeito completamente arbitrario, identifícanse co desiderátum.

É incrible cómo o convencemento de que somos libres para elixir recompensounos cuns mecanismos de autocensura fóra da medida. As limitacións contra as que loitabamos como especie en tempos aínda recentes instaláronsenos na mente para nos facermos aceptables e agradables ante correlixionarios e veciños, co cal os ideais de conspiradores, sediciosos ou proscritos foron tomar vento, polo menos no seu sentido revulsivo, que quizabes tampouco foi en tódolos casos o máis importante, malia compensa-la balanza da controversia entre a transgresión e o prescrito.

Ser agora, na era da liberdade, contestatario significa pasar polas forcas caudinas dunha etiqueta que se expende de xeito industrial; significa entregarse a empresas ou sociedades anónimas que viven e que se lucran da inxenuidade que nos protexe ante os compañeiros de condena, aínda que o conxunto reciba, sen posibilidade de entrar a debate-la relación entre significantes e significados, o título de compromiso por un mundo mellor. Políticos, medios de comunicación, marcas comerciais, artistas, arribistas e embaucadores de toda pelaxe toman o salvoconducto de se denominaren a si mesmos progresistas, revolucionarios, contestatarios, ou benefactores da humanidade, que xa é o derradeiro que queda, para completa-lo cadro de hipnose colectiva que se vai impoñendo como unha das últimas e máis sólidas tendencias da moda.

Non entendo por qué este compromiso, esta necesidade de compromiso, mantén a porta pechada. Non entendo por qué a emancipación das persoas pasa por entrar nun curral escuro, no que o dereito de ver estalles reservado a uns pocos, que son os que dictaminan qué parte do noso egoísmo pode satisfacerse aínda á custa dunha permisividade moral abeirada no tributo que pagamos en forma de protestas, de aplausos, de apoupadas e de conmemoracións do sacrosanto día de calquera cousa, no que renunciamos a calquera actividad para contar cun ano máis de indulxencias plenarias.

Para sermos libres fainos falta dicir si e non, mais non consonte o guión, senón de acordo coas circunstancias; fainos falta saber elixir, saber esixir e saber controla-las nosas propias forzas e a nosa propia conciencia. O feito de sermos vistos, despois de cumprir cuns compromisos sen maior sentido, como bos, honrados e xuizosos non vale de ren se non nos atrevemos a comprobar que compartimos esa opinión respecto dos nosos actos ou dos máis, que tamén esixen, para evolucionaren e medraren consonte as aspiracións que nos marcamos, pasar pola pedra de toque del xuízo alleo, libre de intencións ulteriores ou de expectativas de recompensa.

Nacemos donos do libre albedrío; tomamos unha herdanza que agora debemos manexar para atoparmos un sentido na vida. Deixar que podreza, supeditala a un medo absurdo a cuestionar cada un dos elementos que nos autoimpoñemos dun xeito acrítico para sobrevivir, é renunciar á esencia do que somos. É converte-lo compromiso en necesidade de compromiso; tirar pola borda a enerxía coa que poderiamos saír á vida coa fronte levantada. A defensa da liberdade está aí, e non no que nos digan, por moi ben intencionado que sexa.

Carlos Arias
33.840.384R